lundi 18 mars 2019

Manifesto polo clima

Este venres 15 de marzo tiveron lugar  manifestacións de estudantes preocupados polo punto en que o planeta se atopa fronte ao reto do cambio climático.
Dende o centro, quixemos apoiar ao noso alumnado nunha causa que nos parece de especial importancia. Por ese motivo levouse a cabo un parón das actividades lectivas as 11.15 de todo o centro e unha concentración diante do edificio principal para a lectura dun manifesto:


Manifesto polo clima




Cambiar o clima ten un prezo. Quen o pon? Quen o paga?

Xa non existen dúbidas de que os impactos do cambio climático afectan cada vez máis severamente a todas as persoas, rexións, ecosistemas e economías. Incidirá negativamente na saúde e na esperanza de vida de moitas poboacións, no mantemento de diversos sectores produtivos e empregos, na perda acelerada da biodiversidade, e nos costes económicos e sociais que moitos países terán que afrontar para paliar os seus efectos.

Tamén está cada vez máis claro que os que menos responsabilidades teñen nas emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) son os que máis sofren as alteracións climáticas, porque viven en zonas especialmente vulnerábeis e dispoñen de menos medios para protexerse ou adaptarse a elas. O cambio climático frea o desenvolvemento dos pobos, dificulta a erradicación da pobreza e incrementa a desigualdade entre países e no interior de cada país.

Todo o mundo, especialmente nos países industrializados, temos responsabilidades nas emisións de gases de efecto invernadoiro polo noso comportamento de consumo ou de transporte. Hai ademais moitas grandes corporacións que fan o seu negocio mantendo un sistema produtivo contaminante, que son o auténtico freo para o cambio a un modelo de produción e consumo limpo e sostible. A súa enorme capacidade de influencia nas políticas dos gobernos é un dos principais problemas ao que nos enfrontamos.

O cambio climático está directamente relacionado co actual modelo enerxético baseado nos combustibles fósiles como carbón, petróleo e gas, posto a queima deles libera á atmosfera CO2, o principal dos GEI, por iso é necesaria e urxente a transición cara a un modelo enerxético renovábel, eficiente, sostíbel e xusto que garanta o acceso universal á enerxía. As tecnoloxías existen e son competitivas en termos económicos, considerando ademais os beneficios que proporcionan en canto a diminución da dependencia externa de combustíbeis fósiles, xa que os recursos renovábeis son locais porque a enerxía provén do vento, o sol, a auga e as plantas. Crean ademais emprego local con maior número de postos de traballo e contribúen a un aire máis limpo, coas vantaxes que isto ten para a saúde.

Estes cambios poden supor tamén un maior control social e cidadán sobre os nosos recursos e suministros. Todo iso pódese potenciar ademais fomentando que o cidadán, como consumidor/a, teña a información necesaria como para incidir nunha maior demanda de produtos e servizos sostíbeis ao longo de toda a súa cadea de valor e especialmente na xestión da súa demada enerxética e no autoconsumo con enerxías renovábeis.

A Conferencia do Cambio Climático deste ano en París (COP 21) será trascendental na medida en que se alcance un acordo internacional legalmente vinculante para despois de 2020 que garanta unha redución de emisións suficientemente ambiciosa para evitar os peores impactos ecolóxicos, económicos e sociais do cambio climático. As políticas climáticas nos seus distintos niveis territoriais (europeo, nacional, rexional ou local) deben presentar obxectivos de redución de emisións de gases de efeto invernadoiro acordes coas recomendacións científicas (IPCC) que garantan que non se sobrepasan os 2º C de temperatura media global, ou preferibelmente os 1,5 º C, xa que canto máis aumenten as temperaturas os impactos serán peores.

España verase afectada polo incremento dos incendios forestais, extremas sequías e aumento do nivel do mar entre outros impactos. Ademais, é preciso adoptar ambiciosas medidas de redución dende agora mesmo para pechar a brecha de emisións antes de 2020, especialmente por parte dos países desenvolvidos, e tamén estabelecer mecanismos posteriores ao acordo de París que permitirán aumentar a ambición dos obxectivos se se observase un agravamento dos escenarios climáticos.

Todo iso lévanos á necesidade de manter un gran nivel de ambición na redución de emisións a nivel mundial para 2050 que nos encamiñe a un escenario global de cero emisións. En todos os sectores (industria, xeración de enerxía, transporte, agricultura, edificación, xestión de residuos) é urxente pór en marcha medidas para reducir as emisións e todos os países teñen que facer esforzos para a mitigación, baixo o principio das responsabilidades compartidas pero diferenciadas, tendo en conta as súas emisións históricas e o seu grao de desenvolvemento e industrialización.

A transición a un novo modelo de produción e consumo sostíbel non pode facerse sen protexer os traballadores afectados. Unha transición xusta esixe garantir novas oportunidades de emprego de calidade e iso só pode facerse con políticas públicas, planificadas e sostíbeis.

Tan importante como mitigar o cambio climático é implementar compromisos de adaptación para favorecer a capacidade das persoas de resistir os seus efectos, incluíndo as reparacións para as máis empobrecidas e marxinalizadas que non causaron o cambio climático, con programas específicos tamén en todos os niveis competenciais.

No contexto internacional, un aspecto clave, especialmente para os países en desenvolvemento, é o trasvase de financiación suficiente e adicional dende os países industrializados para as políticas de mitigación e para as de adaptación. As contribucións comprometidas no Fondo Verde para o Clima de 100.000 millóns de dólares anuais para 2020 deberían axudar a desenvolver o cambio cara a un modelo baixo en carbono impulsando particularmente as renovábeis e a eficiencia enerxética. O 50% do Fondo deberá destinarse á adaptación, tal e como se acordou en Lima.

Para afrontar os retos climáticos fai falta unha acción política clara, urxente e trasformadora. Isto só se conseguirá cunha cidadanía consciente dos problemas e das soluciónns, unha cidadanía esixente e mobilizada.

Alianza polo Clima. Greenpeace